Turismo Miño
Ponte do Porco, o recuncho de Miño cunha paisaxe que enfeitiza
Unha panorámica vinculada ao estado da marea
Un lugar con pequenas casa baixas integradas na súa contorna, que fascina pola súa paisaxe. Unha das cousas máis curiosas deste pequeno estuario é o cambiante que resulta a contorna segundo a situación da marea.
Durante a pleamar a auga asolaga a conca, que deixando á boia as embarcacións tradicionais dalle unha aparencia de pequeno porto natural case idílico.
A tonalidade da súa luz, o reflexo na auga das nubes e a vexetación que a rodean inspiran o mellor dos cadros.
A presenza do río, a súa ponte, o mar, os barcos, as casiña a beira do río, a clara area, a vexetación… suman unha combinación de elementos que se fixan a través de todos os nosos sentidos, facéndonos gozar intensamente de cada momento.
Coa baixamar o leito do río alóngase no seu percorrido en procura do mar. A praia amplía os seus horizontes en ambas as beiras. Os visitantes deberán pasear un pouco máis para conseguir unha zona de maior profundidade para o baño. As embarcacións varadas escoran os seus bandullos na area, coma se se deixasen embaucar por unha pracenteira sesta.
Os matices das cores tórnanse, adquirindo diferentes tonalidades e luces segundo o calado da auga.
Un banco natural de alimentos para as aves limícolas
Estas zonas do espazo intermareal son as preferidas polas aves limícolas, que as varren en busca de pequenos invertebrados ou moluscos para a súa alimentación. É o caso dos corremolinos, os mazaricos ou os ostreros, entre outros moitos que visitan estes areais.