Turismo Miño
Castro de Centroña, Perbes ou Castrelo
Coñecido como castro de Centroña, castro de Perbes ou castro de Castrelo, sitúase entre as parroquias de Centroña (Pontedeume) e Perbes (Miño).Ten unha altitude de 194 m., e unha superficie de 4,1 ha., con coordenadas UTM 565293-4805764.
A falta dunha actuación arqueolóxica de maior embergadura adóitase datar na segunda idade de Hierro, en torno ao ano 400 a.c. Esta zona xa tivo un forte desenvolvemento comercial na época de púnicos e romanos, como reflicten os asentamentos romanos de Centroña e Sopazos (Pontedeume), Noville e Caldoval (Mugardos), o tesouro de moedas romanas de Algara en lugar Bermaño-Perbes, e os restos aparecidos en Loios (Miño).
Torques de Centroña
Ao Castro de Centroña relaciónaselle co santuario precristiano do Monte Breamo, sobre o que hoxe temos unha capela románica. Crese que puido funcionar como capital da área, como parece mostrar a súa relación con este templo pagán e con outros castros dos arredores de menor tamaño e probablemente subsidiarios: Boebre, Centroña, Nogueirosa e Castro entre outros. Un indicativo desta soberanía é o medio torque de ouro coñecido como Torques de Centroña que apareceu nas proximidades do poboado en 1992. Este torques reflicte a rica elaboración ourive desta época, da que pode presumir a nosa comarca. Actualmente podémolo visitar no Museo Provincial de Lugo onde está exposto.
Estes descubrimentos evidencian a importancia do castro de Centroña-Perbes, facendo que se chegue a identificar coa cidade de Ardóbriga citada polo xeógrafo romano Pomponio Mela.
A estrutura elíptica deste castro
As estruturas que se conservan con maior claridade son o recinto principal de forma elíptica, coas súas murallas de terra. Rodéano un antecastro no lado noroeste e outro no leste. Está circundado na súa totalidade por un sistema de terrazas.
Tempo atrás podíase completar a circunvalación da croa (parte máis alta e núcleo do castro), pero hoxe o castro mostra dificultades á hora da súa visita polo avance da vexetación e a súa espesura, que fai complicada a súa observación.
Ardóbriga
En 2008 xorde a iniciativa cidadá da creación da Asociación Cultural Ardóbriga para salvagardar o patrimonio arqueolóxico, tomando o nome da cidade atribuída polo investigador Millán González – Pardo ao Castro de Centroña e escollendo como símbolo o medio torque nel atopado.
Panorámica da ría
O dominio visual desde a localización deste castro permítenos contemplar unha ampla panorámica desde a Torre de Hércules (A Coruña) ata as illas Sisargas (Malpica). Poderemos gozala sempre que a climatoloxía sexa favorable e a frondosidade da vexetación permítanolo.
Un bonito lugar para gozar de espectaculares vistas sobre a ría de Ares e Betanzos nunha contorna cargada de historia. Cun pouco de imaxinación podemos otear as naves fenicias e romanas entrando coas súas velas despregadas rumbo ao centro do Golfo Ártabro.