Paseo de Porto de Miño a Ponte do Porco pola Senda dos Sentidos
A incorporación da Senda dos Sentidos á infraestrutura verde do concello de Miño, permítenos percorrer pola costa o 3 km. que separan o Porto de Miño de Ponte do Porco.
O Porto de Miño é un porto pequeno, con dous pantaláns de uso mixto (deportivo e pesqueiro), onde se atopa a Confraría de Pescadores de Miño. Esta zona conta cun pequeno parque infantil con randeeiras para os máis pequenos.
O paseo marítimo pasa por diante das instalacións do Club Naútico de Miño e percorre a praia da Ribeira. Podemos tonificar músculos e facer algo de deporte no Parque Biosaudable do paseo marítimo, con exercicios cardio-respiratorios e de forza. Nas súas inmediacións un panel detállanos os habitantes máis comúns da ría, e as recomendacións para mantela limpa e saudable.
Pasamos a pequena Alameda de árbores coa caseta de servizo estacional de socorrismo e os baños públicos. Continuamos o paseo ata o final, para ascender uns metros pola Rúa Ribeira e, antes de cruzar o túnel da vía do tren, collemos un carreiro a man dereita que pasa por diante da depuradora. Este é o comezo da Senda dos Sentidos. Un panel infórmanos do seu percorrido e as súas características.
Esta Senda é curta pero ten moito encanto. Pasa serpenteando pola liña de costa entre matogueiras, túneles de loureiro, castiñeiro e carballos. Dispón de varios miradoiros que levan o nome da vexetación que lles rodea.
As abundantes matogueiras acollen a unha destacada poboación de paxaros que, se somos prudentes e movémonos con sixilo, deleitarannos cun marabilloso concerto en directo: o merlo, o papirubio, a curruca…. entrecruzan os seus cantos cunha sintonía que resulta un agasallo para os nosos sentidos e para o noso espírito. É o momento para sentarnos relaxadamente neses bancos situados de forma estratéxica nos miradoiros.
Desde aquí observamos unha paisaxe cambiante segundo o estado das mareas. Con marea baixa gozamos das limícolas alimentándose na zona intermareal, e vemos a miúdo corvos mariños, garzas e garcetas. Para os máis pacientes queda reservada a observación do martín peixeiro, a londra e outros tímidos habitantes destes ricos ecosistemas da Rede Natura 2000 e da Reserva da Biosfera Marismas Coruñesas e Terras do Mandeo.
A senda enlaza con Ponte do Porco, onde collemos a pasarela de madeira que percorre a praia da Alameda, punto de desembocadura do río Lambre.
No percorrido da pasarela contemplamos un dos eucaliptos máis antigo de Galicia. Un bo exemplar para practicar o tan beneficioso abrazo ás árbores.
A zona dunar presenta unha rica variedade de flora, situándose aquí a manifestación máis relevante deste habitat en todo o espazo protexido.
Na zona máis húmida proliferan xuncos e espadanas. No sector máis apartado do areal observamos unha franxa de bosque de ribeira con amieiros e salgueiros.
Ponte do Porco é un sitio especial. Un recuncho do concello de Miño cheo de encanto. Cambiante segundo a marea, o branco de zona dunar e as augas do Lambre coa súa rica vexetación, reflicten unhas bonitas tonalidades que nos evocan paisaxes idílicos.
O toque mariñeiro das súas embarcacións de madeira, cos seus amarres tradicionais, fan que este porto natural cative aos seus visitantes.
No centro da praza de Ponte do Porco está situado o Monumento de homenaxe aos Andrade, coa figura do xabaril como emblema desta familia. Un panel explicativo refréscanos as súas orixes detallando a súa historia.
A escasos metros de aquí atópase o Pazo privado dos Etcheverría, antiga fábrica de curtidos San Juan de Area.
Na ponte de Ponte do Porco sitúase a lenda de Roxín Roxal e a súa amada Tareixa.
Estamos no último tramo do percorrido do Camiño Inglés a Compostela, que abandona o Concello de Miño pola fronteira natural co concello de Paderne, o río Lambre coa súa ponte medieval.
Aquí finaliza o roteiro lineal desde o porto. Se desexamos camiñar algo máis, pódese prolongar pola estrada CP4804. Esta estrada discorre a beiras do río Lambre, e a uns uns 5 km. aproximadamente, condúcenos ata a minicentral de Güimil, onde comeza o Roteiro dos Muíños do Río Medio, afluente do Lambre e fronteira natural co concello de Vilarmaior.