Turismo Miño
Recunchos para soñar
A praia da Alameda é un pequeno areal situado na desembocadura do río Lambre, que forma unha diminuta ría resgardada do vento, de augas tranquilas e fina area branca.
Observando con detalle
De grandes diferenzas entre pleamar e baixamar, con marea baixa quedan zonas extensas de fondos arenosos nos que as aves limícolas atopan sustento: correlimos ( Calindris Alpina), archibebes ( Thringa totanus), agullas ( Limosa limosa), mazarico trinador ( Numenius phaeopus), andarríos mozo ( Actitis hypoleucus), ostrero euroasiático ( Haematopus ostralegus) ….
Mira, mira!
Situada dentro da rede natura 2000 e incluída no espazo natural Betanzos-Mandeo, nela atópanse exemplares dun escaravello ameazado, o Eurynebria complanata ( nebria das praias).
Na zona húmida detéctase o molusco caracol de Quimper ( Elona quimperiana),catalogado como en perigo de extinción. Tamén se descubriu a existencia do arbusto hierbaunciana, carretón bravo ou emborrachacabras ( Dorycnium rectum), distribuído pola rexión mediterránea. Habita xunqueiras e prados nas marxes de cursos de auga. En Galicia resulta excepcional, citándose puntualmente en Lugo e Pontevedra, sendo en Miño a única localización na provincia da Coruña.
O valor das dunas
A zona dunar da praia ten un relevo escaso, pero presenta gran diversidade de plantas, situándose aquí a manifestación máis relevante deste hábitat en todo o espazo protexido.
Na post-duna formouse unha pequena área húmida, onde crecen xuncos ( juncus sp.)e espadanas ( Typha). Frecuentada polos ánades reais ( Anas platyrhynchos), nela tamén se pode sentir o canto do rascón común ( Rallus aquaticus). No lado máis apartado da praia temos unha franxa de bosque de ribeira composto por amieiros ( Alnus glutinosa)e salgueiros( salix sp.) que acubillan a gran variedade de paxariños.