Turismo Miño
Un tesouro por descubrir
Na Fraga do Xarío poderás gozar de pequenos roteiros de 1,2 km de escasa dificultade ao longo da rede de carreiros circulares nas beiras do río.
O río Xarío, verte as súas augas conxuntamente co río Baxoi e o río Grande na enseada de Bañobre, dentro da Reserva da Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras de Mandeo”, zona de gran importancia ecolóxica. As marismas do Baxoi son a zona núcleo ou de maior protección da reserva. Destaca tamén a súa importancia patrimonial xa que conta con antigos muíños e outras arquitecturas tradicionais. É atravesado por sendas e percorridos de interese como o Camiño de Santiago Inglés.
Conta con paneis de interpretación que achegan ao visitante ao patrimonio natural e etnográfico da contorna.
Un recuncho cheo de posibilidades
É o espazo máis grande das súas características no concello de Miño. Paseantes, ciclistas e deportistas, poden gozar desta zona peonil. Ten un gran potencial polos seus valores ecolóxicos, etnográficos e patrimoniais.
Atoparemos bosques de ribeira, envolvidos nun clima húmido e fresco con especies como salgueiros, freixos, amieiros ou bidueiros, e zonas de fraga ou bosque autóctono con carballos, castiñeiros, haxas ou nogueiras. Os loureiros e fentos machos son abundantes en toda a área.
O circuíto principal de senllas marca as zonas de paseo nunha contorna protexida polo seu valor ambiental, mantendo áreas libres de circulación para mellorar a biodiversidade do corredor fluvial.
Na fraga pódense observar os restos da antiga Casa Grande de Os de Ginés, unha propiedade do s. XVII que contaba con dous muíños de planta baixa con vivenda encima, e outros edificios como o dos cortellos que non están conservados.
Coidemos a contorna
Neste espazo as mascotas non poden ir soltas xa que supoñen unha ameaza para a conservación da fauna autóctona. Carece de papeleiras porque calquera depósito de lixo atrae a animais salvaxes que o poden esparexer por toda a contorna.
Podemos observar algunhas das especies invasoras cada vez máis escasas polas distintas intervencións levadas a cabo para a súa erradicación como o bambú, os plumachos ou os dedos do diaño (cogomelo lura ou estrela vermella).
Un lugar para pasear, observar e conservar este patrimonio natural. Poderemos sentarnos con calma a escoitar os sons da auga discorrer entre a vexetación, ou simplemente respirar e gozar da brisa na cara.
Un roteiro moi próximo
As fragas do Xarío comunican os primeiros quilómetros do camiño inglés coa ligazón peonil á praia Grande, converténdose nunha vía peonil de gran utilidade e que mellora o benestar e a calidade de vida dos seus veciños.
Localización: Saíndo da praia de Miño dirección a Perbes pola estrada DP-4803 durante 1,2 km aproximadamente ata atopar un desvío a man dereita con carteis indicadores de “ Fragas do Xarío” e “ Urbanización Costa Miño” pola avenida de Xarío. O destino está a 90 metros á dereita, aconsellándose utilizar no primeiro aparcamento que se ve a man esquerda.
Coordenadas: 43.365483297873986, -8.20153058960032
Flora do roteiro